Salón de Gourmets, escaparate para os produtos galegos de calidade

O Salón Internacional de Gourmets, que se celebra en Madrid ata o vindeiro xoves, é “un magnífico escaparate para os produtos galegos de calidade, tanto da terra como do mar”. Así o afirmou a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, durante a súa visita a este certame, a onde acudiu para apoiar coa súa presenza as 48 empresas galegas participantes nesta XXXI edición baixo o paraugas da Xunta. 

A conselleira destacou a importancia deste tipo de eventos para dar a coñecer a riqueza e variedade da despensa galega do agro e do mar e para poñer en valor os produtos delicatessen da nosa terra nos mercados nacionais e internacionais. Sinalou ademais que Galicia está representada en Gourmets cunha superficie total de 654 metros cadrados de exposición. Deles, 264 corresponden á Consellería do Medio Rural, con 26 empresas expositoras do ámbito agropecuario, e 390 m2 á Consellería do Mar, que apoia outras 22 empresas do marítimo-pesqueiro. A nosa comunidade conta tamén cun espazo institucional para as denominacións de calidade e para os consellos reguladores onde se ofrecen degustacións de produtos aos visitantes. Ademais, hai diferentes empresas galegas presentes neste salón fóra do espazo da Xunta.

As empresas do agro fan promoción de produtos como viños, lácteos, carnes, cogomelos, castañas, agricultura ecolóxica e sobremesas. Por outra parte, no espazo da Consellería do Mar existe un aula de degustacións que alberga diferentes catas de pratos elaborados con conservas, produtos do selo de calidade pescadeRías, de bonito do norte, produtos do mar ecolóxicos e de mexillón. 

Haberá ademais unha degustación de produtos galegos do mar e da terra e outra de distintas especies de peixe, que se enmarcará na presentación do Festival Arvi do Pesixe, Vigo Seafest. Todas estas degustacións irán acompañadas de diferentes viños das denominacións de orixe de Galicia.