
Un caldo emblemático, subzona da D.O. Ribeira Sacra, canda as de Ribeiras do Miño, Ribeiras do Sil, Quiroga-Bibei e Chantada. Sober, entre Pantón e Monforte de Lemos, conta con 300 viticultores e 29 bodegas produtoras duns excelentes tintos, afroitados, de intensa cor de cereixa e plenos na boca.
A feira abrirá oficialmente as portas no mediodía do sábado anterior coa adega MEZQUITA como protagonista, en lembranza e homenaxe ao seu fundador Pedro López Fernández. Haberá actuacións do Grupo de Música
Tradicional AGADIC, da Banda de Música de Sober, de Gin Toni ´s e da xa citada Rosa Cedrón. Actuacións musicais que proseguirán o domingo coa Charanga NBA e a Orquestra Trébol para goce e disfrute de xentes chegadas da bisbarra e de moitos outros lugares de Galicia. Pero qué menos que un mes para festexar o Amandi, logo de escollido o cartel anunciador –corenta competiron no concurso- obra do monfortino José Carlos Quiroga Losada, e da estrea do novo piano de cola do Centro Sociocultural de Sober.
Mediado o mes de marzo, a Escola de Hostalería de Rosende acolleu a Xornada de Maridaxe de Viño de Amandi-Castaña de Galicia, e o Centro Sociocultural foi lugar de presentación da Asociación de Apicultores da Ribeira Sacra, que terá a súa sede en Sober. Nese lugar houbo asemade unha “Cata comentada de Viños de Amandi para mulleres embarazadas” e, en chegando abril, estaban programadas dúas xornadas técnicas dedicadas á imaxe dos viños (deseño, etiquetaxe e tendencias) e ás estratexias de control do Mildeu na vide.
Todo para festexar e degustar o Amandi, viño con subzona propia desde 1996 e unha festa de exaltación das mais sobranceiras entre as moi numerosas e destacadas celebracións galegas