Rafa Centeno e Inés Abril ofrecerán un showcooking no Festival de Cans

Por segundo ano consecutivo, a Leira de Alicia acollerá o Espazo Mahou, promovido por un dos principais patrocinadores do Festival e concibido como un punto de encontro multidisciplinar entre profesionais do sector e o público, no que todas as persoas asistentes ao Festival de Cans poderán gozar de diversas actividades relacionadas co cinema e a música. A presentación da programación para este espazo tivo lugar esta mañá no Bar Liceum do Porriño baixo a presenza de Abel Gallego -Relacións Públicas e membro da organización do Festival de Cans-, Hugo Pérez -Brand Manager Mahou Galica-, Eladio Santos -músico de Eladio y los Seres Queridos-, Inés Abril -chef do restaurante Maruja Limón- e Alicia Sánchez -dona da leira de Alicia-.

Tal e como explicou Abel Gallego, este ano o Festival ampliará a programación da “Leira de Alicia - Espazo Mahou”, que albergará varias sorpresas ao longo da fin de semana na que se celebra o Festival de Cans. Hugo Pérez adiantou a primeira delas, que "terá lugar o día 26 ás 20h00, co concerto Mahou Cinco Estrellas de León Benavente", unha das grandes referencias da escena independente a nivel estatal. A banda de Abraham Boba -tamén músico de Nacho Vegas- será o prato forte da tarde-noite do venres en Cans, que estará complementado con proxeccións e actividades paralelas para que todo o mundo poida gozar e vivir o festival. O acceso a este concerto será gratuíto previa retirada dunha pulseira de acceso no posto de merchandising do Festival, que abrirá a partir das 17h00 e entregará 500 pulseiras en rigorosa orde de solicitude física. Tras esta actuación, a festa prolongarase ata a medianoite coa pinchada de DJ Edu Romero no Discochimpín.

León Benavente protagonizará o primeiro gran concerto da XIV edición do Festival, pero non será nin moito menos o único. Para a tarde do sábado 27, apostarase polo talento galego coa actuación de Eladio y Los Seres Queridos. A banda viguesa actuará no Espazo Mahou da Leira de Alicia a partir das 20h30 horas para ofrecer un concerto ao cal se accederá de xeito gratuíto ata completar aforo. Eladio tocará ante o público de cans “Cantares”, recoñecido nos últimos premios MIN da Música Independente 2017 como o mellor álbum en galego do ano, pero tamén rescatará unha parte importante dos seus temas de sempre.

Outra das novidades que a organización prepara para esta edición será a presenza de Rafa Centeno e Inés Abril, do restaurante con Estrela Michelin Maruja Limón, que ofrecerán un showcooking co patrocinio de Mahou e o apoio de Lasal cocinas a tarde do xoves 25 de maio. Ambos prepararán, ante o público que se achegue á Praza do Concello do Porriño, unha selección de “Tapas de Cinema”, integrando a gastronomía co sétimo arte, elemento central do Festival de Cans. A chef Inés Abril adiantou esta mañá que as tapas xirarán arredor "da cervexa, o agro e o cinema". Perfílase deste xeito o día da Noite Gía dos videoclips como unha das grandes sorpresas deste ano, cunha tarde-noite cunha chea de variadas actividades que a organización fará públicas nas próximas semanas.

Ao igual que xa sucedera na edición anterior, os coloquios cos directores e directoras terán un especial protagonismo no Espazo Mahou durante toda a xornada do sábado. Ademais do director ou directora do “Coloquio na leira” deste ano, por alí pasarán todos os curtametraxistas da sección oficial a concurso. Será na segunda edición de “Dalle caña”, unha sección na que poderán intercambiar ideas co público mentres comparten unhas cervexas servidas por expertos tiradores.
Estas non serán as únicas actuacións musicais do Festival de Cans, que continúa traballando no cartaz musical e tamén en todos a programación de cine, despois da reorganización de contidos que tivo que sufrir o festival despois da decisión da Agadic de deixar a Cans e catro festivais máis fóra das axudas, e que actualmente está recurrida tanto polo Festival de Cans, coma polo resto dos festivais.