Pulo de Darío Campos cara a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade pola UNESCO

Có ánimo de desbloquear a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade pola UNESCOO, o presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos Conde, propuxo por segunda vez unha reunión de traballo á Directora Xeral de Patrimonio, María del Carmen Martínez; ao Presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar Blanco; e á Valedora do Pobo, Milagros Otero. 

Campos Conde decidiu insistir, tras ter proposto un 1º encontro en xullo, que finalmente non tivo lugar, para trasladar ao Presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, a “necesidade de retomar de xeito inmediato” a candidatura da Ribeira Sacra no encontro que mantivo co mesmo o pasado 8 de marzo, e no que conseguiu o compromiso de Feijóo para facelo. Semanas máis tarde, o mandatario autonómico reiterou este mesmo compromiso ao Presidente da Deputación de Ourense.

“Creo que é imprescindible poñer en común e estudar o traballo que xuntos levamos a cabo ata o momento para poder proseguir coa candidatura da Ribeira Sacra, pois esta é unha grande oportunidade para Galicia, que require da suma de esforzos de todos nós para que verdadeiramente sexa unha realidade”, apunta na carta remitida.

A candidatura está paralizada dende o verán de 2015, xa que a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural rexeitou o estudo técnico da candidatura, que financiaron as Deputacións de Lugo e Ourense, e que elaborou un equipo de expertos baixo a coordinación do Valedor do Pobo. Foi esta última entidade, a que se puxo en contacto con dito departamento da Xunta para solventar as diferenzas técnicas, non acadando nunca a resposta de Patrimonio.

No discurso de investidura do Presidente da Xunta, Feijóo apostou por acadar o recoñecemento de Reserva da Biosfera para a Ribeira Sacra, o que supón un xiro de 360 graos en canto aos trámites necesarios e os prazos, xa que coleva traballar, posteriormente ao recoñecemento como Reserva da Biosfera, cara a súa declaración como Patrimonio Natural da Humanidade. Por todo isto, o Presidente da Deputación considera “imprescindible” poñer en común e estudar o traballo levado a cabo, así como traballar conxuntamente cara a mesma dirección. www.deputacionlugo.org