Ourense Provincia Intelixente recibe o Premio Iniciativa da Administración

A iniciativa “Ourense Provincia Intelixente” da Deputación de Ourense, impulsada por Manuel Baltar, resultou gañadora do “Premio Iniciativa da Administración” do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG). O xurado valorou a aplicación do concepto de “Smart City” ao eido provincial, de xeito que unifica e centraliza esforzos nun gran proxecto cunha visión global da provincia, no que sumará a xestión de 7.273 Km e solucións para os seus 424.652 habitantes, dos que 109.779 son residentes no exterior. Trátase dunha iniciativa que xa está en marcha despois dunha primeira fase de análise e definición.

A concesión do premio comunicoullo ao presidente da Deputación de Ourense o presidente Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia, Fernando Suárez, na reunión que ámbolos dous mantiveron no Pazo Provincial. O galardón entregarase no decurso da “Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia”, que terá lugar en Santiago de Compostela o vindeiro 16 de xuño.

A iniciativa “Provincia Intelixente” inscríbese no Plan Ourense 15-19 da Deputación de Ourense, que recolle 77 accións a executar en 48 meses e que pretende converter a provincia nun referente nacional e internacional no ámbito da innovación na xestión pública, de xeito que a Deputación sexa un “Concello de concellos” baixo unha visión global para atender os 92 municipios da provincia.