O CSHG sede para os exames da Cambridge English Language Assessment

O Centro Superior de Hostelería de Galicia (CSHG) vén de converterse en nova sede para a realización dos exames de Cambridge English Language Assessment en Santiago de Compostela, en virtude do convenio asinado entre Turismo de Galicia, Cambridge English Language Assessmet e o Centro Británico.

Trátase dun convenio co que Turismo de Galicia e o Centro Superior de Hostelería de Galicia (CSHG) dan un paso máis na súa internacionalización e na súa aposta polos idiomas. E, ademais, é unha nova mostra dos esforzos de Turismo de Galicia por traballar nunha formación de calidade como piar fundamental no desenvolvemento do sector.

O acordo foi asinado por Nava Castro, directora de Turismo de Galicia; Santiago Romero, Regional Commercial Head de Cambbrigde English Language Assesmet, e Robert Paul Musker, director de operacións do Centro Británico e é o primeiro destas características asinado en España cun centro de hostelería. 

O documento establece a cesión das instalacións do Centro Superior de Hostelería de Galicia, situadas en A Barcia, en Santiago, para a celebración dos exames en convocatorias abertas ao público e detalla a proposta formativa que o Centro Británico ofrece aos alumnos do Centro Superior de Hostelería de Galicia.