Buscar/Hemeroteca

jueves, 27 de abril de 2017

O Carlos Oroza colaborará nas accións promocionais da Deputación de Pontevedra

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e Manuel Hermo, director do CIFP Carlos Oroza de Pontevedra, asinaron un protocolo de colaboración para que as súas alumnas e alumnos poidan colaborar nas accións de promoción turística que se fagan desde a institución provincial.

Carmela Silva subliñou que este protocolo ten por obxectivo poder colaborar entre a Deputación e o Carlos Oroza "para traballar colaborativamente tanto en aquelas cuestións que desde a Deputación poñamos en marcha, non só desde aquelas que teñen que ver coa gastronomía, senón con todo o que ten que ver coa promoción turística de forma máis global e coa imaxe que queremos trasladar fóra da nosa provincia".

A presidenta da Deputación destacou que o protocolo é un instrumento vivo que vai incorporando co paso do tempo propostas de acción. "Queremos que o Carlos Oroza sexa un instrumento fundamental para que esta provincia poida mellorar o seu proxecto de promoción turística". Silva recordou que dentro destas iniciativas o Carlos Oroza, "un dos mellores centros de formación profesional de Galicia en hostalería", xa colaborou co proxecto "Degusta Europa" o ano pasado e vai colaborar este mesmo ano tamén con este proxecto que comeza mañá coa súa primeira actividade en Vigo.

Pola súa banda, Manuel Hermo, director do CIFP, manifestou que este protocolo é unha oportunidade "xa que proporcionamos valor á formación do noso alumnado ao poder vivir en primeira persoa o traballo que implican estes actos que organice a Deputación".


O protocolo, que ten unha duración de dous anos, poderá incluír na programación outras accións non previstas, sempre que se axusten ao currículo oficial das ensinanzas do centro integrado de formación profesional, que poidan xurdir ao longo do curso e sexan de interese para o centro e a propia Deputación de Pontevedra.

No hay comentarios: