O Arde Lvcvs quenta motores

A conta atrás para o Arde Lvcvs, declarado recentemente Festa de Interese Turístico Nacional, xa está en marcha e, con ela, o inicio das actividades complementarias ao evento, o Lvcvs Cvltvral, que presentou este martes no Vello Cárcere a Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre. Nesta edición, o Concello, xunto coas asociacións de recreación histórica, ofrece medio cento de actividades abertas e gratuítas, que terán lugar dende o día 22 de maio ao 28 de xuño, e que contemplan cine, encontros de moda, andainas, xogos romanos e castrexos, degustacións gastronómicas, obradoiros e conferencias, concursos, exposicións ou desfiles de tropas, entre outros.

O Lvcvs Cvltvral arrincará con obradoiros de barro e mandalas, na Praza Viana do Castelo, e con Xogos Romanos, na Praza do Castiñeiro, de 17:00 a 20:00 horas ambas as dúas actividades, o día 22 de abril. Neste mesmo mes, o día 29, a Praza de Augas Férreas acollerá xogos castrexos, de 17:00 a 20:00 horas. Ademais abrirase o prazo para novas incorporacións ao Grupo de Mitoloxía de Lucus Augusti. Xa no mes de maio, terá lugar a ruta pola Vía XIX Romana, dende Santalla de Bóveda ao Burgo. Esta programación tamén inclúe o IV Encontro de moda, vestimenta, artesanía e produtos da época romana, que este ano se traslada ao Vello Cárcere. Ademais, o Cantiño de Nemesio Cobrereos acollerá a mostra de moda e vestimenta. 

Segundo anunciou Carmen Basadre, nesta edición tamén se volven ofertar rutas, neste caso unha fluvial, polo Rato, Termas e Catedral, o 28 de maio, ás 10:00 horas dende diante o Centro de Interpretación Terras do Miño, e outra polo río Azúmara-Castro de Viladonga. Tamén, a Guardia Pretoriana realizará o Camiño de Santiago. 

Enmarcado dentro da programción do Lvcvs Cvltvral atópase o Haspartum, un xogo de pelota que practicaban as lexións de Roma, no Paseo do Miño, o 27 de maio, a partir das 17:00 horas; venda de pan romano a cargo da Asociación de Panadeiros e Panadeiras, unha exposición da Cohors no MIHL, do 10 ao 22 de maio, e un obradoiro de modelado en barro no museo de Porta Miñá, os días 20 e 27 de maio. 

Visitas aos museos, cine arqueolóxico no Vello Cárcere, un ciclo de conferencias, o típico concurso de escaparates de temática romana e castrexa, que este ano aumenta para engalanar balcóns e fachadas, cun premio único de 600 euros, obradoiros e xogos no Parque de Frigsa, Campo Castelo, Praza Maior, e a quincena gastrorromana Ars Magirica, son outras das actividades do Lvcvs Cvltvral do 2017.