I Foro Hoteleiro de Turismo de Galicia no CSHG

Coincidindo co Ano Internacional do Turismo Sostible para o Desenvolvemento, Turismo de Galicia organiza no Centro Superior de Hostelería de Galicia (CSHG) o I Foro Hoteleiro de Turismo de Galicia no que se darán cita numerosos expertos en revenue management e sustentabilidade hoteleira e para o que xa está aberto o prazo de inscrición.

O Foro incluirá, ademais, un relatorio sobre neuromárketing aplicado ao sector de hostalería. Trátase dunha actividade dirixida a profesionais do sector hoteleiro, de inscrición gratuíta e prazas limitadas ata completar aforo. A inscrición está aberta na páxina web do CSHG. 

O Foro –que será inaugurado pola directora de Turismo de Galicia, Nava Castro e a responsable do programa de relacións institucionais da Organización Mundial do Turismo (OMT), Claudia Lisboa- celebrarase o vindeiro luns 24 de abril.

Nel daranse as claves de técnicas de comercialización como o revenue management, coa intención de axudar aos hosteleiros a facer unha boa xestión das súas canles de comunicación e alcanzar así os mellores ingresos da venda de cada unha das habitacións dispoñibles. Participarán especialistas como Diego Fernández, responsable de Revenue Management da cadea Palladium Hotel Group; Coralia Pino, do Instituto Técnico Hotelero (ITH), Javier Serrano, de STR Global ou David Madrigal de Paraty Tech.

A xestión eficiente dos establecementos hoteleiros será outro dos eixos do foro. Incluiranse relatorios sobre a importancia da implantación da sustentabilidade nos hoteis, as oportunidades existentes para a redución do custo enerxético, a estratexia de sustentabilidade nunha cadea hoteleira ou as recomendacións para definir o protocolo de sustentabilidade do negocio hoteleiro.

Ademais destas mesas de debate, o foro inclúe Titorías CSHG, unha actividade na que os participantes se poderán apuntar a unha das titorías personalizadas impartidas polos profesores do Centro, onde poderán resolver dúbidas en asuntos como o investimento e financiamento no sector, a nova clasificación dos hoteis en Galicia, a retención de talento do persoal do hotel ou as ferramentas esenciais para comezar a practicar o Revenue Management nun hotel.