Gastronomía, música e danza en Betanzos cos 18 concellos coruñeses do Camiño Inglés

Este sábado, 22 de abril, na praza Irmáns García Naveira, dentro da campaña "Primavera no Camiño Inglés" Betanzos celebrará unha feira que reunirá, por primeira vez, aos dezaoito concellos coruñeses polos que pasa o Camiño Inglés.

A Deputación da Coruña pretende con este evento divulgar os múltiples atractivos etnográficos, culturais e naturais cos que conta esta ruta, que conecta Ferrol e A Coruña con Santiago de Compostela.

"O obxectivo é unir as forzas da Deputación e dos concellos para aproveitar o enorme potencial turístico e económico deste singular camiño xacobeo que discorre integramente pola provincia da Coruña" explicou o presidente provincial, Valentín González Formoso, que o sábado será o encargado da inauguración do evento, xunto ao alcalde de Betanzos, Ramón García, a directora xeral de Turismo, Nava Castro, e varios do rexedores dos municipios polos que pasa o Camiño Inglés.

Ao longo da xornada desenvolveranse na carpa central sesións de showcooking en vivo e degustacións de produtos típicos de distintos puntos da provincia da Coruña como a tortilla de Betanzos, as troitas de Oroso, o pan de Carral, a empanada de Neda, o queique de Ordes, a proia de Pontedeume ou o viño Branco Lexítimo da comarca de Betanzos, ofrecendo aos visitantes un completo percorrido gastronómico cos sabores máis característicos do Camiño Inglés.

Está prevista unha gran senda verde no centro da praza, coa zona pola que discorre o Camiño cara a Santiago. Nos seus laterais, dúas carpas de máis de 160 metros cadrados acollerán os dezaoito postos nos que os concellos polos que pasa o Camiño Inglés (Ferrol, Narón, Neda, Fene, Cabanas, Pontedeume, Miño, Paderne, Betanzos, Abegondo, A Coruña, Culleredo, Cambre, Carral, Mesía, Ordes, Oroso e Santiago) darán a coñecer a súa variada oferta turística, cultural e gastronómica con distintas actividades.

Ademáis do ciclo de conferencias divulgativas a cargo do xornalista Cristóbal Ramírez, presidente durante vinte anos da Asociación de Xornalistas do Camiño de Santiago e experto en divulgación das rutas xacobeas, o evento contará tamén con actuacións de música e danza tradicional a cargo das agrupacións "Airiños" de Fene, "O Castro" de Miño, "Lucero del Alba" de Neda, "Ancoradoira" de Culleredo, "Arnela" de Carral e "Airiños do Frade" de Cabanas, entre outras; así como demostracións de artesanía en vivo como as que desenvolverán as fiandeiras de Cabanas ou os ourives de Santiago de Compostela.