Eleccións nos consellos reguladores

A Consellería do Medio Rural acaba de pulicar a orde pola que se convocan eleccións para a renovación dos órganos de goberno da meirande parte dos consellos reguladores do ámbito agroalimentario. A cita será o vindeiro 9 de xullo, aínda que o proceso electoral dará comezo mañá, 6 de abril.

Nesta convocatoria quedan fóra catro dos vinte e cinco consellos reguladores constituídos actualmente por motivos esencialmente técnicos. Trátase dos das indicacións xeográficas protexidas Pemento de Oímbra, Pemento de Mougán, Lacón Gallego e Ternera Gallega. 

Os dous primeiros exclúense porque se trata dos constituídos máis recentemente e que funcionan como órganos provisionais encargados de poñer en marcha estes selos de calidade. No caso da IXP Lacón Gallego, están pendentes de realizar determinados cambios na súa normativa reguladora e, por último, o Consello Regulador da indicación xeográfica protexida (IXP) Ternera Gallega está liderando o proceso para o rexistro dunha nova indicación xeográfica que servirá para protexer a carne de vaca e boi de Galicia, o que significará a creación dun novo consello regulador que substituirá ao actual e que xestionará conxuntamente as dúas indicacións xeográficas da carne de vacún de Galicia.

O proceso electoral dará comezo mañá, 6 de abril, coa apertura do prazo de presentación de candidaturas á Xunta Electoral, que estará presidida pola directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo. Estará integrada por persoal da Consellería do Medio Rural, representantes das organizacións profesionais agrarias, asociacións empresariais e cooperativas dos sectores implicados. 

Os censos estarán expostos do 3 ao 12 de maio, prazo no que se poderán presentar alegacións. As candidaturas poderán presentarse entre o 22 de maio e o 2 de xuño e a campaña electoral dará comezo o 29 de xuño. Trala xornada electoral, entre os días 17 e 28 de xullo constituiranse os diferentes plenos e elixiranse as persoas que ocuparán as presidencias e vicepresidencias para o seu posterior nomeamento pola conselleira do Medio Rural.