Avances na candidatura da Ribeira Sacra como BIC

Trala xuntanza entre o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, eo conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, o titular de Cultura confirmou que o vindeiro verán a Xunta de Galicia terá incoado o expediente de Ben de Interese Cultural (BIC) da Ribeira Sacra, para seguir cos trámites cara a acadar a declaración de Patrimonio Mundial da Unesco para este territorio, unha iniciativa que foi impulsada pola Deputación de Ourense.

Manuel Baltar destacou o inicio do expediente para a declaración como BIC da Ribeira Sacra, "expediente que ten a súa complexidade, pero todos temos o convencemento de que a Ribeira Sacra xa é un patrimonio mundial, e que se anuncien datas como esta, e que xa tratáramos o venres pasado no pleno da Deputación este tema é algo que valoro moi positivamente, tendo en conta que foi precisamente aquí, na Deputación de Ourense, hai tres anos desde onde se reactivou esta petición a prol da Ribeira Sacra".

Román Rodríguez subliñou que se está a tramitar o expediente, "que ten unha grande complexidade técnica por canto a Ribeira Sacra é un ben que afecta ao redor de vinte concellos e a unhas vinte mil parcelas, co cal hai que ser moi coidadosos na tramitación". O conselleiro destacou que a candidatura da Ribeira Sacra "vai competir no ámbito nacional e internacional, e agardamos ter incoado o dito expediente BIC cara a este próximo verán".