As cidades Patrimonio da Humanidade promociónanse en Brasil

O Grupo Cidades Patrimonio promociónase estes días na feira de turismo World Travel Market Latin America, que ten lugar na cidade brasileira de Sao Paulo entre o 4 e o 6 de abril. Esta feira reúne unhas 700 empresas expositoras e ao redor de 6.500 visitantes cualificados procedentes de toda América Latina.

Consta de tres días para reunións profesionais (B2B) e networking nos que WTM achega o mundo a Brasil e no que as entidades expositoras do sector teñen a oportunidade tanto de promocionarse como de establecer e manter interesantes contactos. Unha técnico do Grupo atende estes días as peticións de información e reunirase con turoperadores para dar a coñecer as 15 Cidades Patrimonio e recomendar estes destinos nos paquetes das viaxes a Europa.

Esta campaña comercial enmárcase dentro do Plan Estratéxico de Márketing de Turespaña e do acordo de colaboración existe entre esta entidade e o Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España.

En canto ao mercado emisor brasileiro, é necesario ter en conta que Brasil é un dos países máis desiguais en termos de distribución de renda e tamén a nivel xeográfico. Segundo os últimos datos dispoñibles, a suma da contribución dos sete maiores estados na economía, entre os que figura Sao Paulo, representa o 75% do total da economía brasileira. Para o turista brasileiro, a principal motivación nas súas viaxes ao estranxeiro é o lecer (80%) e maioritariamente responde a un perfil de entre 35 e 60 anos con estudos superiores procedente das clases sociais mellor situadas.

Ao turista brasileiro gústalle mergullarse na cultura do país ao que viaxa e facer as mesmas actividades que os locais. Gústalle tamén coñecer a contorna, explorar e descubrir lugares auténticos e especiais, buscando experiencias únicas e diferenciadas.