Buscar/Hemeroteca

martes, 25 de abril de 2017

Apoio de Medio Rural á promoción de Cambados como Cidade Europea do Viño 2017

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, reafirmou o apoio da Xunta á promoción de Cambados como Cidade Europea do Viño 2017 e, en xeral, dos viños galegos, partindo da súa “indiscutible calidade e a súa vinculación co territorio”.

Vázquez lembrou que a Consellería está a poñer en valor esta distinción de Cambados nas diferentes feiras e eventos sectoriais, tanto directamente como a través do Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas. Esta promoción enmárcase nas iniciativas de divulgación dos viños galegos nos diferentes mercados nacionais e internacionais.


A titular de Medio Rural asistiu en Madrid á presentación de “Cambados Cidade Europea do Viño 2017”, que tivo lugar no Túnel do Viño no marco do Salón Gourmets. Alí, Ángeles Vázquez salientou que desde o primeiro momento o Goberno galego apoiou este recoñecemento á vila de Cambados, que definiu como “punto de referencia da cultura vitivinícola”. Algo que, engadiu, ponse de manifesto con fitos como a festa do Albariño ou polo propio patrimonio histórico e artístico que atesoura esta localidade do Salnés.

No hay comentarios: