Andainas an Lugo

O Concello de Lugo ten programado para esta fin de semana distintas actividades culturais, que foron anunciadas pola Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre. Así, mañá sábado, a partir das 12:30 horas, celebraranse andainas guiadas gratuítas, tanto polo Camiño Primitivo como polo casco histórico. Ademais de mañá, terán lugar o domingo día 9, e dende o día 13 ao 16. 

Con estas visitas, o Concello quere impulsar o tanto o camiño Camiño Primitivo como revelar a historia do seu casco histórico e arredores. O primeiro dos roteiros discorrerá pola Praza de Armañá, Praza da Soidade e Praza de Santo Domingo, para continuar pola rúa do Teatro e subir á Muralla. Tras o paseo pola Muralla, baixarase pola Praza do Cantiño, e dende aquí polo Camiño Primitivo, para continuar toda a rúa San Pedro e Praza Maior, e por último, visitar a Catedral. 

No que se refire á andaina polo centro de Lugo, pasarase polas prazas principais e visitaranse instalacións como a Casa dos Mosaicos, e monumentos como a Muralla e a Catedral. En concreto, empezará pola Praza do Campo, rúa Miño ata Porta Miñá, paseo pola Muralla, ata descender pola rampa de Santiago, para atravesar a Porta co mesmo nome, e baixar cara as Termas Romanas e a Ponte Romana. 

Outras das andainas que ofrece o Concello este domingo é a de Castelos e Ordes Militares no Camiño de Santiago. O punto de partida e de chegada é a parada do bus urbano situada na rúa Anxo López Pérez, e as horas aproximadas de saída e chegada son as 10:30 e 19:00 horas. Todos os interesados en asistir poden inscribirse no Centro de Interpretación da Muralla, na Praza do Campo.