A Deputación da Coruña reclama melloras na conexión ferroviaria entre A Coruña e Ferrol.

A Deputación da Coruña súmase ás reivindicacións formuladas por representantes políticos e institucionais dos concellos de Ferrol, Narón, Neda, Pontedeume, Miño, Betanzos e Cambre, o pasado 20 de marzo no Concello ferrolán, apribando por unanimidade unha declaración institucional para reclamar melloras na conexión ferroviaria entre as comarcas da Coruña e Ferrol.

Así mesmo, a institución comprométese a dar traslado destas demandas á Consellería de Infraestruturas da Xunta de Galicia e ao Ministerio de Fomento, xa que "estes dous grandes núcleos de poboación da provincia manteñen unha precaria comunicación a nivel de transporte público". Na actualidade, as conexións entre A Coruña e Ferrol desenvólvese a través dunha autoestrada con prezos de peaxe moi elevados, ou por medio de liñas de autobuses que contan cunha frecuencia escasa.

Entre as vantaxes do transporte por tren, a institución provincial cita "o prezo, a sostibilidade e a capacidade de transporte de persoas e mercadoría". Así mesmo, a Deputación apunta á "débeda histórica" para mellorar as conexións neste "sector do eixo atlántico, que posúe potentes centros industriais, académicos e económicos".

Tamén se propón a construción dunha bifurcación en Betanzos, para evitar o desvío ata Infesta nos servizos directos, e poder reducir así os tempos da viaxe ata lograr un traxecto sen paradas de 25 minutos entre A Coruña e Ferrol. A medio prazo, tamén se pide que se acondicione a liña tal que como se establecía no Convenio da Xunta co Ministerio de Fomento no ano 2000, o cal permitiría que se combinasen liñas directas cos servizos con paradas.