Xornadas de Turismo Rural organizadas polo Clúster

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, destacou o gran potencial turístico do medio rural da Comunidade galega na inauguración das xornadas ‘Turismo Rural en Galicia’, organizadas na Cidade da Cultura polo Clúster Turismo de Galicia. Alí explicou que Galicia ofrece un amplo abano de posibilidades para a práctica desta modalidade turística, “un xeito ideal de descansar e de poñerse en contacto coa natureza”, dixo.

Neste sentido, a directora de Turismo de Galicia referiuse ás características xeográficas da Comunidade galega que a converten nun auténtico paraíso para descubrir e practicar novas formas de turismo.

A variedade das paisaxes da Galicia interior, a súa riqueza cultural, ademais do rico patrimonio arquitectónico, fan –segundo Nava Castro- “que a oferta galega de aloxamentos de turismo rural sexa singular e unha das máis atractivas de España”.

Despois de lembrar que no territorio galego están establecidos case 600 aloxamentos rurais que ofrecen máis de 7.300 prazas, a directora de Turismo de Galicia referiuse á oferta complementaria que enriquece estas estancias.

Así, manifestou que “un dos nosos produtos turísticos máis consolidados e con maior éxito, edición tras edicións, é o Outono gastronómico”, a través do que os establecementos presentan cada outono interesantes ofertas enogastronómicas para toda a familia.