Uñas de porco en San Lázaro

O día 31 de marzo comeza a tradicional festa gastronómica das Uñas de San Lázaro, que se prolongará ata o 3 de abril. Neste ano, por primeira vez, os establecementos nos que se pode degustar este prato típico e que participan nesta acción promocional contarán cun distintivo propio, deseñado a partires da colaboración entre Turismo de Santiago e a Asociación Hostelería Compostela para promocionar esta festividade, unha das máis antigas de Galicia.

Así, as Uñas de San Lázaro poderán tomarse en 23 locais, tres máis que o ano pasado. A maior parte dos establecementos, 14, atópanse no propio barrio de San Lázaro, onde se celebra a tradicional festa. Pero tamén participan outros nove restaurantes doutros barrios da cidade que se suman á iniciativa. Todos os establecementos participantes poden consultarse na web de www.semanasantasantiago.gal.