Un 3,7% mais de viaxeiros aloxados en Galicia no mes de febreiro


No pasado mes de febreiro Galicia incrementou o volume de viaxeiros aloxados nos seus establecementos hoteleiros galegos nun 3,7% en relación a febreiro do 2016. Así o reflicten os datos publicados polo Instituto Nacional de Estatística (INE).

Este incremento engádese ao rexistrado nos tres anos anteriores continuando por tanto coa tendencia positiva iniciada en febreiro de 2014. Desta maneira, este crecemento leva a cifra acadada neste 2017 ao nivel máis elevado dos últimos nove anos, con preto de 180.000 viaxeiros no conxunto da Comunidade.

En termos de volume o incremento de viaxeiros acadado por Galicia no pasado mes tradúcese en máis de 6.300 novos viaxeiros en relación a febreiro de 2016.

En relación aos mercados, destaca o incremento presentado polo turismo interno –aquel representado polos residentes en Galicia- do 4,5% no que se refire ao seu volume de pernoitas hoteleiras e do 4,2% no relativo a súa cifra de viaxeiros aloxados. Estas subidas sitúan o nivel global do turismo interno en case 125.000 pernoitas, a cifra máis elevada dos últimos cinco anos.

Pola súa parte, o turismo internacional continúa na senda positiva dos últimos meses presentando un importante incremento en relación ao pasado ano. Así, este mercado superou nun 20,9% a cifra de viaxeiros aloxados e nun 16,2% o nivel de pernoitas de febreiro de 2016. Este crecemento permite consolidar unha tendencia positiva e acadar con máis de 29.000 viaxeiros estranxeiros, a cifra máis elevada desde o 2008.