Turismo de Santiago amosa a cidade a xornalistas de Alemaña

Un total de nove xornalistas de medios do sur de Alemaña visitan Santiago de Compostela durante catro días nunha acción organizada en colaboración con Lufthansa, que hoxe empezou a operar en Lavacolla. Ademais, o pasado mes de febreiro foi o mellor dende o Ano Santo 2010 en pernoctacións na cidade, cun crecemento do 40% do turismo internacional.

Turismo de Santiago e Lufthansa, en colaboración coa OET de Frankfurt, organizan unha viaxe de xornalistas alemáns para que coñezan a cidade e promocionar as novas rutas da compañía, que unen Santiago con Frankfurt e Munich. Son nove xornalistas, que viaxaron a Santiago no voo inaugural da ruta entre Frankfurt e Santiago de Lufthansa, e que estarán na cidade ata o xoves.

Os medios que participan na viaxe son algúns dos principais medios escritos de Frankfurt e do sur de Alemaña. Entre todos suman unha tirada superior aos dous millóns de exemplares. A boa recepción que tivo a convocatoria da viaxe entre os medios xermanos é un indicativo do atractivo que ten Santiago e o Camiño de Santiago para o público alemán.

Os medios concretos son: Rhein Neckar Zeitung, Stuttgarter Nachrichten, Editorial Funke Mediengruppe, Die Welt, Frankfurter Allgemeine Zeitung, Grupo Sächsische Zeitung, Rheinzeitung, Kölner Stadt-Anzeiger, Mannheimer Morgen. Dende Turismo de Santiago amosarase unha visión da cidade cultural, lúdica e gastronómica, indo máis alá da imaxe típica asociada ao Camiño de Santiago que xa ten unha importante presenza no mercado alemán.

O obxectivo de Turismo de Santiago é promocionar as novas rutas de Lufthansa para continuar consolidando o mercado alemán como un dos principais motores da demanda turística internacional da cidade, que está crecendo dun modo moi importante nos últimos anos. Por exemplo, no 2016 superou por primeira vez os 20.000 peregrinos no Camiño de Santiago e rondou as 80.000 pernoctacións na cidade.