Turismo de Galicia presentou en Bilbao a campaña Viños e Camelias

Turismo de Galicia presentou en Bilbao a campaña promocional Viños e Camelias, unha experiencia turística creada ao carón da Ruta da Camelia de Galicia e as adegas que forman parte da Denominación de Orixe Rías Baixas: Este campaña  se estenderá durante todo o mes de marzo en Bilbao e durante o mes de abril en San Sebastián.

O local de Bodega Urbana –especializado en achegar a cultura do viño a todos os públicos - e no que se presentou a campaña albergará nas súas instalacións un xardín de camelias, xunto a unha selección dos mellores viños galegos da D.O. Rías Baixas. Tamén se organizarán alí diferentes catas de viños e se poderá degustar durante todo o mes o mellor da gastronomía galega no restaurante do local.

“Sen dúbida, esta combinación de viños e camelias é unha maridaxe perfecta para todo aquel que busque un turismo evocador de experiencias e emocións, gozando de dous dos recursos máis exclusivos de Galicia”, explicou Nava Castro durante o acto de presentación, recordando o papel “clave” que teñen ambos os produtos no turismo de Galicia.

A responsable de Turismo da Xunta referiuse á Ruta da Camelia como referente internacional que permite a todo o que a percorre descubrir gran parte do noso patrimonio natural, a nosa historia, gastronomía e tamén os nosos viños, especialmente nas Rías Baixas, lugar que é “todo un paraíso do viño e das camelias”, indicou Nava Castro.