Subvencións para o desenvolvemento de festivais musicais e de artes escénicas

As bases de subvencións a entidades sen ánimo de lucro para apoiar o desenvolvemento de festivais musicais e de artes escénicas na provincia de Pontevedra durante o exercicio 2017A foron aprobadas pola Xunta do Goberno provincial. 

Cun orzamento de 120.000 euros, esta liña está especialmente concibida para promover certames que difundan teatro e música en galego e que se levasen a cabo, como mínimo, en dúas edicións consecutivas nos tres últimos anos. Estas axudas poderán ser solicitadas por persoas físicas e xurídicas que carezan de fins de lucro, entre o día seguinte ao da publicación do extracto da convocatoria no BOPPO e o 17 de abril.

Entre os requisitos específicos, os Festivais de Música deben ter unha duración mínima de dúas xornadas e contar cun mínimo de oito grupos, dos cales catro deben ser grupos galegos ou que teñan a presenza de máis de 15 compoñentes galegos e que se interpreten obras de autoría galega. Ademais deben incluír na programación actividades paralelas de posta en valor do sector musical galego ou de formación musical.

Os Festivais de Artes Escénicas teñen a obriga de empregar a lingua galega, e tamén deben ter unha duración mínima de dúas xornadas e contar cun mínimo de oito compañías, das cales un mínimo de tres deben ser galegas ou que se poñan en escena obras de autoría galega e que empreguen a lingua galega nas súas representacións. A programación debe incluír actividades paralelas de posta en valor do sector teatral galego ou formativas.

Para adxudicación destas axudas teranse en conta criterios de valoración con respecto á ultima edición do Festival solicitante como son o número de grupos – compañías ou integrantes; a asistencia ao festival; as actividades ou accións paralelas realizadas; e as achegas propias ao proxecto. Tamén se terán en conta criterios con respecto á edición do 2017, como a antigüidade do festival; as actividades paralelas que se vaian levar a cabo; e a viabilidade do proxecto en relación á porcentaxe de subvención solicitada e orzamento total.