Semana Santa gastronómica en Santiago

O Concello de Santiago ten prevista para esta Semana Santa diversas actividades gastronómicas que comezan o venres 31 de marzo coa tradicional Festa da Uña de San Lázaro. Dende o 31 ata o 3 de abril o barrio celebra a súa tradicional festa como antesala á Semana Santa. Inclúe a romaría na que se celebra a gran subasta das uñas. Ademais este ano participan un total de 23 restaurantes, non só do propio barrio senón tamén de fóra que ofrecen o tradicional plato da "Festa da Uña". A programación completa, tanto desta festa da uña como do resto de actividades pode consultarse na web www.semanasantasantiago.com

Como xa publicamos, Santiago Paixón Doce, a maiores das roscas e os ovos de Pascua, salientan algunhas propostas como tartas, conchas de Santiago, delicias monacais, rosquillas… e unha ampla variedade gastronómica. Entre o 7 e o 17 de abril, contará con 29 locais participantes, nove máis que o ano pasado, que incluirán nas súas súas cartas produtos e preparacións doces tradicionais da Semana Santa a degustar como sobremesa ou incluso na propia barra dos restaurantes e cafeterías, ou outros locais como confeiterías, panaderías ou reposterías.

"Santiago Paixón Doce" está organizado conxuntamente por Turismo de Santiago e a Asociación Hostelería Compostela. O obxectivo do evento é triplo: dinamizar o consumo nos locais de Santiago durante a Semana Santa, consolidar a cidade como destino turístico gastronómico apoiándose nos produtos propios e elaboracións típicas de tempada, e poñer en valor a tradición larpeira da cidade máis aló da Tarta de Santiago. Na edición do ano pasado, concibida como un programa piloto, participaron 20 estabelecementos que serviron máis de 1.300 doces.