"Santiago Paixón Doce" do 7 ao 17 de abril

A segunda edición de Santiago Paixón Doce, programa gastronómico que naceu no 2016 baixo a marca de Compostela Gastronómica coa idea de promocionar como atractivo turístico a tradición larpeira da cidade, moi especialmente durante a Semana Santa, celebrarase do 7 ao 17 de abril.

As cafeterías e restaurantes participantes incluirán nas súas cartas produtos e preparacións doces tradicionais da Semana Santa, como torrixas, leite fritida, bolos de vento, rosquillas, melindres, rosca, chocolates "de paixón", tortas ou doces conventuais. Os doces típicos poderán tomarse como sobremesa, tras as comidas ou ceas, ou incluso na propia barra dos locais, sen ter que pedir un menú.

Buscando unha maior dimensión e chegar a un maior público, este ano abrirase a participación a outro tipo de establecementos como confeiterías, panaderías ou reposterías. Todos os estabelecementos interesados en participar poden inscribirse mandando antes do 19 de marzo.un correo a comunicacion@santiagohosteleria.org. 

Santiago Paixón Doce é organizado conxuntamente por Turismo de Santiago e a Asociación Hostalería Compostela. O obxectivo do evento é triplo: dinamizar o consumo nos locais de Santiago durante a Semana Santa, consolidar a cidade como destino turístico gastronómico apoiándose nos produtos propios e elaboracións típicas de tempada, e poñer en valor a tradición larpeira da cidade máis aló da Tarta de Santiago. Na edición do ano pasado, concibida como un programa piloto, participaron 20 estabelecementos que serviron máis de 1.300 doces.

Ademáis, Turismo de Santiago e Asociacións Hostalería Compostela promocinan tamén a Festa das Uñas de San Lázaro tamén baixo a marca Compostela Gastronómica. A Festa das Uñas, que se celebra no barrio de San Lázaro, é unha das citas gastronómicas máis antigas de Galicia. Este ano será do 31 de marzo ao 3 de abril, uns días antes do comezo de Santiago Paixón Doce.

Nesta acción de promoción, que se realiza dende o 2013, participan arredor duns 20 estabelecementos do barrio, que serven durante os días da Festa o tradicional prato de uñas con patacas, chourizo e bertóns de col. Ademais, na edición do ano pasado xa se sumaron outros estabelecementos doutros barrios.