Posta en valor dos recursos turísticos de Ponteceso

dicoruna.es
Grazas a unha subvención da área de Turismo da Deputación da Coruña, o concello de Ponteceso instalou paneis informativos co obxectivo de posta en valor dos recursos turísticos do territorio municipal co fin de dar a coñecer espazos como o Cabo Roncudo, Mar de Corme, a Pedra da Serpe, a vista panorámica do Monte Branco ou a Casa natal de Eduardo Pondal.

Agora, nove paneis achegan información dos principais recursos de interese turístico do concello e, de maneira especial, do entorno do Río Anllóns, espazo en que se situaron tres dos soportes no paseo fluvial de Ponteceso, en A Garga e no Campo do Río.

O deputado de Turismo, Xosé Regueira, reuniuse co alcalde de Ponteceso, Lois Carballido para visitar a actuación de promoción turística no concello ademais de estudar as posibilidades do proxecto de recuperación integral da senda do río Anllóns.

Despois de coñecer de primeira man a actuación desenvolvida desde o Concello de Ponteceso coa colaboración da Deputación da Coruña, Xosé Regueira sinalou que"a sinalización dos principais recursos fluviaos é un primeiro e pequeno paso na actuación que o Concello de Ponteceso ten pensado plantexar ao resto dos concellos da Comarca de Bergantiños, e que busca a recuperación integral do río Anllóns, como elemento de especial riqueza natural e de grande atractivo turístico na comarca".