Plan estratéxico de agricultura ecolóxica

A Consellería do Medio Rural impulsará, de acordo co sector, un plan estratéxico de agricultura ecolóxica. para avaliar a situación e perspectivas deste eido, así como para deseñar as liñas fundamentais de fomento e promoción desta actividade cara o futuro. A directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, tratou da posta en marcha deste plan e doutros temas de interese para o sector nunha xuntanza de traballo co presidente do Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega), José Antonio Fernández, e con outros dos seus responsables.

A reunión serviu para avanzar na redacción deste plan, que se prevé estará rematado neste ano 2017 e que se centrará tamén no fomento da comercialización destas producións, que están a rexistrar nos últimos anos un importante crecemento en Galicia. 

Así, segundo os últimos datos dispoñibles, no 2015 alcanzáronse os 33 millóns de euros de facturación neste eido produtivo e, en canto á superficie, ata 20.300 hectáreas estaban dedicadas ao sector agroecolóxico en Galicia, o que supón un incremento do 33% respecto ao exercicio anterior. Nos vindeiros días actualizaranse estas cifras coa presentación do balance do último ano por parte do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia.

O Plan de fixación de poboación no medio rural, que ten en marcha o departamento que dirixe Ángeles Vázquez, integra dentro das 23 medidas que o compoñen unha orientada a este sector. Así, para o presente ano vanse destinar 4,3 millóns de euros para fomentar métodos de agricultura ecolóxica, compensando os sobrecustos que ditas prácticas supoñan.