O Festival de Cans queda sen axudas da Xunta

Por vez primeira nos seus catorce anos de historia o Festival de Cans quedará este ano  fóra das axudas que otorga a Xunta de Galicia. A AGADIC, organismo que concede as axudas, comunicou “verbalmente” á dirección Festival que o motivo foi un “defecto de forma” na entrega da documentación. Ademais do Festival de Cans, nunha decisión sen precedentes, a Xunta deixa fóra das axudas a outros catro festivais: Curtocircuito e Cineuropa de Santiago, Freakemacine de A Coruña e Primavera do Cine de Vigo, a todos eles alegando o mesmo “defecto de forma” na entrega da documentación.

Era a primeira vez que estas axudas tiñan como requisito obrigatorio seren presentadas por vía electrónica, sendo tamén as primeiras axudas do ano que debían ser presentadas por este sistema. según comunican desde a organización, todos os festivais que quixeron entregar os seus papeis nos últimos días tiveron problemas co rexistro electrónico, polo que a maioría decidiron enviar a documentación necesaria por correo certificado dentro do prazo requerido, pero desde a AGADIC decidiron deixalos fóra da comisión de avaliación. Só catro festivais foron aceptados para avaliar na comisión de proxectos. Unha vez repartido todo o que correspondía entre estes catro festivais, deuse unha situación surrealista xa que sobraron 30.000 euros.

O Festival anuncia as oportunas accións legais para a defensa dos seus dereitos e intereses, no que considera unha situación completamente anómala e non axustada a Dereito. O director da AGADIC, Jacobo Sutil, comunicou persoalmente aos responsables do festival de Cans que “o problema non tiña solución”, co cal a AGADIC non intentou buscar vías de solución -que perfectamente puido ter atopado, facendo unha interpretación non formalista das normas- e os cinco festivais damnificados presentarán as súas respectivas reclamacións.