Nova cara para o Hotel Alda Estación

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, salientou en Vigo o importante papel da iniciativa privada para a construción de Galicia como destino turístico excelente e de calidade. 

A responsable de Turismo da Xunta fixo estas declaracións no transcurso da inauguración do Hotel Alda Estación, un establecemento de hospedaxe situado ao carón da estación de tren da cidade olívica que vén de renovar as súas instalacións.

No transcurso do acto, Nava Castro recoñeceu o labor dos empresarios do sector que, con iniciativas como esta, demostran a súa preocupación por mellorar, por unha banda, a súa competitividade e por axudar, por outro lado, a impulsar o sector.