NON VIAXE ALÍ, VIVA ALÍ (Editorial HG&T 206)

Este é o slogan que está a producir un xa apreciable cambio no posicionamento do turista en percura de aloxamento, a revolución propiciada por Airbnb -propondo e coordenando o negocio do aluguer de habitacións ou cuartos particulares, mellorada xa con experiencias complementarias- que se ven observando con preocupación pola industria hostaleira.

Non se diferencia moito, no fondo, ese modelo innovador nas grandes cidades, coa práctica inmemorial desenvolvida nas comunidades turísticas de temporada, nas que os aboríxenes adoitan alugar por curtos períodos -ou veráns enteiros- o total ou parte das propiedades, incluso da propia vivenda. Mentres a fórmula Airbnb evidenciou súas fallas por inseguridade -garantías sobre onde se mete o viaxeiro, unido á imprecisión sobre a calidade- ámbalas fórmulas -tamén a do aluguer “particular” por tanto- coinciden na condición de afondar no fraude fiscal.

A patronal hostaleira veu denunciando sistemáticamente esa considerada competencia desleal, a fuga de potenciais clientes de camas “profesionalizadas” cara a vivendas privadas, diante do que as administracións adicáronse máis ben a deixar andar. A extensión da amenaza real, o éxito in crenscendo de Airbnb que se acabará impondo por aquí, e barruntamos que o convencemento de que un eventual esforzo coercitivo sobre os alugueres fraudulentos non ganaría máis ca batallas, pero non a guerra, levou a hostaleiros e a administración a aplicar aquilo de “se non podes co teu inimigo, únete a el”.

E así acaba de aprobar a Xunta de Galicia o decreto polo que se regula o procedimento para alugar súa casa, piso ou apartamento -non por habitacións- a terceiras persoas por un período determinado. Dispoñen estes propietarios particulares ata o inicio do verán para efectuar a inscripción, o que os converterá en subsector auxiliar do sector hostaleiro, coa anuencia e ata certo contento, polo menos expreso nas primeiras reaccións, da hotelería convencional.

Mellor integrar a competencia desleal que tela incontrolada. A ver que pasa, primeiro coa resposta e anuencia dos habituais alugadores na vía clandestina, despois coa repercusión da regulación. De entrada, a patronal e a administración ceden á evidencia, e permiten que a atomizada oferta de particulares entre no control, pero que de paso cobre carta de oficialidade. A seguir aparécennos no horizonte inmediato dúas consecuencias presumibles: que a patronal hostaleira presione a Administración -doeralle, pero se non o fai revelarase inútil- sobre o control de actividades clandestinas xa sen causa. 

A outra pode ser que a inspección turística da Xunta siga a mirar para outro lado. Non se deberá permitir.