“Márcate un triple en Ourense”

“Márcate un triple en Ourense” é o título da nova campaña que pon en marcha a Concellería promocionando a cidade de Ourense como destino turístico en toda España a través de Club Ourense Baloncesto. A finalidade é posicionar a cidade como un destino turístico ideal entre o público seguidor do baloncesto nacional, convidándoos a gozar de tres grandes atractivos; baloncesto, espazos termais e gastronomía, xunto con recursos como o patrimonio, a súa oferta cultural ou a paisaxe.

As accións promocionais inclúen inicialmente cinco partidos; Marín, Vitoria, Logroño, Cáceres e Lleida, e poderánse ampliar en caso de que o equipo se clasifique a playoffs. Os cinco equipos suman case 7.000 socios e 9.950 espectadores de media nos seus partidos: Marín 1.200, Vitoria 1.400, La Rioja 1.750. Cáceres 1.600, Lleida 2.500.

A Concellería de Turismo editou 6.000 dípiticos promocionais que se reparten no propio stand. Estas accións directas permitirán que os seareiros poidan visualizar o potencial de Ourense, coñezan en que consiste a oferta termal, saiban que outros atractivos poden desfrutar en Ourense e, a través do marketing experiencial, teñan a oportunidade de sentirse na condición de visitantes das áreas termais de Ourense no expositor que se emprazará nos seus pavillóns deportivos.

A campaña convida a experimentar a sorpresa que Ourense supón para o visitante e persigue divulgar o potencial de Ourense entre un público segmentado: os afeccionados ao deporte, neste caso o baloncesto. Utiliza como embaixador ao C.O.B., o equipo de maior proxección pública de Ourense, por competir en liga nacional LEB Oro, segunda categoría do baloncesto español, xunto a cidades de superior ou similar poboación (Burgos, Huesca, Vitoria, Oviedo, A Coruña ou Lugo entre outras) que mobilizan nos seus partidos milleiros de espectadores.

En cada partido que Ourense dispute ata final de temporada fóra da casa, o C.O.B. divulgará os recursos turísticos da cidade cun expositor emprazado no propio pavillón onde se xogue o partido, no que o público local terá a oportunidade de coñecer a oferta termal da cidade. Este stand recrea unha vista panorámica das Termas do Muiño, e nel se poderá visionar un vídeo promocional de Ourense e se distribuirán dípticos que convidan a “marcarse un triple” na cidade. A campaña inclúe tamén concursos, accións en redes sociais, e o rotulado da traseira do propio autobús do equipo ourensán.