I Congreso Internacional de Drons en Ourense do 31 de marzo ó 2 de abril

Do 31 de marzo ao 2 de abril o Pazo dos Deportes "Paco Paz" e Expourense acollerán a primeira edición do Congreso Internacional de Drons, que co-organiza a Deputación de Ourense e a Asociación galega de enxeñeiros técnicos de Telecomunicacións.

Agárdase unha participación no congreso dunhas mil persoas durante os tres días nos que por primeira vez se reunirán técnicos, empresarios e entusiastas desta innovación tecnolóxica, que analizarán os últimos avances no sector, as aplicacións nos servizos, as liñas de investigación e as diferentes oportunidades de emprego e negocio que ofrecen os drons.

O evento reunirá a expertos de sectores como o agrícola, marítimo, seguridade e telecomunicacións, quen exporán as posibilidades que ofrecen os drons e as súas aplicacións profesionais. Haberá relatorios sobre as aplicacións de drons para agricultura de precisión, busca de bancos pesqueiros, topografía, seguridade e xeo-localización, lexislación e deporte. José Manuel Martínez explicou que o colofón do congreso será unha carreira de drons, que se celebrará no Pazo dos Deportes "Paco Paz".

Baltar destacou que o apoio do goberno provincial a esta iniciativa "é inherente á actividade que vimos desenvolvendo desde a Deputación en innovación no sector dos drons", e lembrou o convenio que o ente provincial ten asinado con Aerocamaras para poder acreditar pilotos de drons, por parte da Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA), "tendo certificado o Pazo de Vilamarín como campo de voo e aula de formación, na que levamos impartidas 21 edicións e acreditado a 450 persoas", explicou Baltar.