Galicia vende as súas potencialidades na ITB

Turismo de Galicia participa na Internationale Tourism Börse, ITB, de Berlín, para promover a oferta e os espazos turísticos galegos no mercado alemán, o segundo mercado emisor máis importante en Galicia. A ITB é un dos encontros máis importantes do mundo para a industria turística e unha cita imprescindible na axenda anual de Turismo de Galicia, que nesta edición e por terceiro ano consecutivo, aposta pola colaboración público-privada, incluíndo no stand unha área para os encontros comerciais de profesionais.

Turismo de Galicia promocionará o Camiño de Santiago e produtos como Paseando entre viñedos, centrado nos recursos enoturísticos da nosa comunidade; Mananciais de Galicia, sobre o potencial do noso termalismo; o Turismo Mariñeiro, coa nosa costa como principal recurso; o patrimonio cultural, con Santuarios Máxicos e Patrimonio Oculto; as praias, con Faros e Praias Salvaxes; a natureza, coa Ruta da Camelia e Bosques de Galicia, así como as contornas máis senlleiras do territorio galego a través dos Lugares Únicos.

Alí a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro,e os representantes do Clúster de Turismo de Galicia que se desplazaron á cidade alamana manterán durante os días do certame diferentes reunións e encontros con diversos turoperadores e axentes de viaxes co obxectivo de establecer novos contactos comerciais, tanto con aqueles turoperadores que xa traballan o destino Galicia como con aqueles que teñen previsto incluír a nosa comunidade entre a súa oferta.

A ITB reúne nesta edición máis de 10.000 empresas de 184 países que presentarán os seus produtos máis novos e as últimas tendencias do sector global. A cita reúne ano a ano a numerosos asistentes, superando, en 2016 os 180.000 visitantes.