Galicia é a terceira comunidade produtora de carne de vacún

Galicia ocupa, cun 15% do total, o terceiro lugar de España en produción de carne de vacún, sendo só superada por Cataluña e Castela e León, sendo, por outra banda, a segunda autonomía en número de cabezas de gando, cun 16% do total, despois de Castela e León. Así o expuxo a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, na presentación do proxecto da Asociación de Agricultores e Gandeiros de Galicia (Agrigga) para a mellora da produción de carne de tenreiros.

A conselleira salientou que o 19% das solicitudes que se aprobaron en 2016 de gandeiros galegos que quixeron investir na mellora das súas explotacións corresponden ao ámbito do vacún de carne. Tamén, o 20% das peticións aprobadas de incorporación de mozos ao rural foron deste tipo de explotacións, sendo esta orientación produtiva a que máis interese xerou despois do lácteo. E xa neste 2017 –destacou Ángeles Vázquez– un total de 25 empresas solicitaron en Galicia axudas da Xunta para transformación e comercialización de produtos cárnicos, para investir preto de 19 millóns de euros.