Galicia comercializou case 39 millóns de litros de viño

As adegas galegas das cinco denominacións de orixen comercializaron na última campaña 39,8 millóns de litros de viño, o que supuxo unha facturación de preto de 225 millóns de euros. Trátase dunhas cifras históricas para o sector vitivinícola, xa que o volume de viño con DO comercializado é o máis alto dos últimos 10 anos. 

Se analizamos este dato por denominación de orixe, Rías Baixas encabeza a produción co 55,72% sobre o total, seguida polas DO Ribeiro (20,18%), Valdeorras (10,29%), Ribeira Sacra (7,84%) e Monterrei, que representa o 5,96%. Este datos foron facilitados pola directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo.

Dos case 39,8 millóns de litros comercializados, sinalou a directora xeral, para o mercado exterior saíron 7,7 millóns de litros, o que representa un 19,35% do volume total. En termos económicos supuxo un valor de 38,4 millóns de euros. 

Por denominacións de orixe, Rías Baixas exportou 6,2 millóns de litros o que supón o 28% do viño comercializado por esta DO e o 81 % do volume total de viño galego con indicativo exportado na campaña 2015/2016. No outro extremo estaría a DO Ribeira Sacra, que exportou preto de 134.000 litros, o que representa o 1,7 % do total exportado. 

Por outra banda, un total de 29 empresas do sector galego do viño beneficiáronse das axudas xestionadas por Medio Rural para a promoción da súa produción en mercados de terceiros países (fóra da UE) na convocatoria de 2016. En total, recibiron achegas por importe de algo máis de 901.000 euros, subvencións que están financiadas polo Fondo Europeo Agrícola de Garantía (Feaga).