Galicia amosou as súas potencialidades en Sevatur


A labor de promoción de Turismo de Galicia levou esta fin de semana a oferta turística galega ao País Vasco, a través do certame Sevatur, que se vén celebrando desde o pasado xoves na cidade de San Sebastián.

A Comunidade galega volve estar presente no Salón da Evasión e do Turismo, Sevatur, unha feira que este ano celebra a súa XV edición, con dedicación tanto aos profesionais do turismo como ao público final

Sevatur é, xunto a Expovacaciones de Bilbao, o certame turístico máis importante dos que se celebran anualmente no País Vasco e nesta ocasión, Turismo de Galicia participa cun expositor de deseño de 36 metros cadrados co obxecto de difundir a oferta, produtos e recursos turísticos de Galicia entre un dos públicos españois máis interesados nas viaxes turísticas.

Polo que respecta á oferta turística galega, Turismo de Galicia incidiu especialmente nos produtos e servizos turísticos relacionados coa natureza e a cultura, con especial fincapé no Camiño de Santiago.

Por outra parte, o departamento de Turismo da Xunta presentoua oferta turística galega relacionada coa gastronomía e o enoturismo, nun dos mercados con máis tradición gastronómica de España.