Friol celebra o 25 e 26 de marzo a recreación castrexo-romana Friulio

Un total de 21 asociacións, entre elas, as organizacións culturais de Friol e 15 de Lugo vinculadas principalmente ao Arde Lucus, participarán en Friulio, que debe ao seu nome á suma de Fri de Friol e ulio do mítico Monte Medulio, onde transcorreu a batalla dos últimos guerreiros galaicos, cántabros e astures. 

Ademais, unha das actuacións máis destacadas correrá a cargo da Asociación “Tierra quemada” de Soria, que recreará un enterro celtíbero con explicacións dun dos arqueólogos de Numancia.

O evento, ubicado no paso fluvial contará cun poboado castrexo nun extremo e un campamento romano noutro. Recrearanse desfiles, escaramuzas e un asedio. Ademais, haberá obradoiros de coiro, fiado, gastronomía castrexa ou moedas e escritura, así como xogos destinados principalmente aos nenos. Tamén se mostrará a elaboración do pan que utilizaban as milicias romanas nos seus desprazamentos.

A Fundación TIC apoia o primeiro Friulio, o encontro de asociacións de recreación castrexa e romana que se celebra o 25 e 26 de marzo en Friol con motivo dos 25 anos da Feira do Queixo e Pan de Ousá. O patrón da TIC e Deputado de Relacións Institucionais, Álvaro Santos, e o presidente da Asociación de Recreación Histórica de Friol A Castronela, organizadora da festa, Manuel Ángel Fernández Díaz, asinaron este venres un convenio de colaboración nun acto que tivo lugar no Museo de San Paio de Narla da Deputación.