Éxito de convocatoria na Mesa de Turismo de Lugo

A Mesa de Turismo organizada polo Goberno da Deputación de Lugo para debater sobre as oportunidades e ameazas do sector na provincia lucense, contou co Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, xunto ao Deputado de Turismo, Eduardo Vidal Baamonde, e a Concelleira de Cultura de Lugo, Carmen Basadre Vázquez, xunto a máis de 40 participantes de 25 colectivos.. 

Remarcou o Presidente as grandes potencialidades da provincia: “en Lugo temos de todo, mar, natureza e montaña; o problema é que as pernoctacións son moi baixas e para cambiar isto todos temos que poñer o noso gran de area”, continuou. E emprazou a que “o sector privado e as administracións públicas camiñen na mesma dirección para converter Lugo nun referente turístico”.

Darío Campos agradeceu a participación que están rexistrando as diferentes mesas organizadas nos xeodestinos, “xa que estas reunións son interesantes para poñer enriba da mesa a problemática do sector”. E salientou o impulso do turismo como unha das grandes apostas do seu Goberno: “cando entrei aquí hai ano e medio considerei que un dos sectores que había que estimular e poñer en valor era o turístico. E entón, xurdiu a idea de elaborar un Plan Estratéxico de Turismo, no que actualmente estamos traballando”.

Esta Mesa de Turismo de Lugo, é a terceira xornada de traballo das 5 que están previstas, coa participación de 200 institucións e colectivos de toda a provincia. Ao encontro de San Marcos acudiron 40 representantes de 25 entidades, entre as que se atopaban Concellos, agrupacións de empresarios e hostaleiros, asociacións da industria agroalimentaria, museos e colectivos culturais e medio ambientais de diversa índole.