Exaltación do ourizo de mar en Cervo

Cervo celebra o día 18 de marzo a Festa do Ourizo, declarada de Interese Turístico en 2008. A abundancia destes equinodermos nas súas augas converte a este concello da Mariña Luguesa na capital galega do ourizo.

Para a festa de exaltación adicada a ourizo, ao que na veciña Asturias chaman ericio, é necesario recollelos os días previos, xa que para comelo fresco ou cocido, só valen exemplares recollidos como moito tres días antes. 

Bares e restaurantes da vila prepárano de diferentes xeitos: croquetas, empanada, tortilla, ao natural, cocidos, pudin… para que o público poida degustalo a partir da tarde, nun ambiente festivo amenizado por un grupo de gaiteiros que percorre os establecementos onde se serve o ourizo.

Desde 2001 desenvólvense unhas xornadas técnicas sobre o ourizo de mar, que pretenden afondar no coñecemento deste produto, e desde 2002 celébrase un concurso gastronómico no que participan hostaleiros que colaboran no evento.