Do 10 ao 19 de marzo “Padrón Sabor a Lamprea”

Durante as fins de semana do 10, 11 e 12 e do 17, 18 e 19 de marzo poderanse degustar un total de 10 menús de lamprea diferentes elaborados por 9 locais hostaleiros e gozar de múltiples actividades na nova edición das Xornadas Gastronómicas “Padrón Sabor a Lamprea”. Incluso existen varias opcións de escapadas de fin de semana pensadas para as persoas que queiran durmir na vila e así aproveitar ao máximo as distintas iniciativas programadas.

A terceira edición desta cita gastronómica organizada pola Concellería de Turismo do Concello de Padrón baixo o lema: ‘Padrón sabor a lamprea, #PadrónLampreeiro’, incluirá novas propostas culturais orientadas a poñer en valor o mundo da lamprea. O obxectivo pasa por dinamizar a economía local e atraer tanto a visitantes como a turistas que fagan noite no municipio.

Para saborear as variadas propostas da hostalería padronesa arredor deste peixe capturado no río Ulla, os menús, que terán un prezo de 25 euros por persoa e funcionan baixo previa reserva nos seguintes establecementos: O Secreto, Chef Rivera, Parrillada Flavia, Restaurante Scala, Casa Farrucán, A Casa dos Martínez, O Alpendre, Restaurante Gaia e Cafetería H2O.

O sábado 18 de marzo se desenvolverá un obradoiro de cociña dirixido por Manuel Garea, quen descubrirá diferentes maneiras de preparar este manxar. No desenvolvemento da actividade empregaranse produtos cedidos pola empresa Obrador de Lamprea. 

E o venres 10 de marzo o Auditorio de Padrón acollerá a conferencia titulada A lamprea, unha xoia da gastronomía galega, na que 5 relatores debaterán sobre este produto e o seu potencial desde distintos puntos de vista. Os participantes serán Xosé Antonio Rivera (Chef Rivera), Benigno Campos (do programa Larpeiros da TVG), Miguel Vila (escritor e crítico gastronómico) Javi Mos (do ámbito das redes sociais) e Juan Carlos Alonso (do blog Gastronomía en Verso). Moderando la mesa estará Miguel Piñeiro (escritor e xornalista).

En canto á programación de ocio e cultura, o sábado 11 de marzo haberá un itinerario de sendeirismo desde Santiago a Padrón seguindo o trazado da Pedronía. Unha guía de espazos naturais fará dese traxecto un camiño sensorial, onde haberá momentos para a sorpresa. A ruta inclúe tamén a visita ao afamado Pazo do Faramello. Tamén rganizaranse dúas excursións ás zonas de captura da lamprea: unha terá medio día de duración, mentres que a outra será de día enteiro. As dúas opcións inclúen degustación de lamprea, servizo de autocar e guía.

A maiores, e pensando nas persoas que queiran pasar máis dunha xornada en Padrón aproveitando o evento gastronómico, existen escapadas de unha ou dúas noites, as cales inclúen as actividades anteriores xunto con aloxamento no municipio. Toda a información actualizada (datas, prezos, etc.) pódese consultar na web www.terrasdeiria.com/lampreapadron.