Cuevas adhírese ao programa Tarxeta benvida

O director xeral do Grupo Cuevas, Artur Yuste, e o conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, asinarán a adhesión do grupo de alimentación ao programa “Tarxeta benvida”, que ofrece ás familias unha axuda de 1.200€ anuais e descontos e beneficios para os nenos durante o seu primeiro ano de vida.

A iniciativa enmárcase nas accións anunciadas polo Grupo Cuevas para conmemorar o seu 150 aniversario, tendentes a priorizar a atención ás persoas e premiar a fidelidade das familias.

Despois da firma e de facer un percorrido polas instalacións da empresa, o conselleiro, acompañado por Artur Yuste, efectuará unha visita ao supermercado Aquié, na rúa Doctor Fleming de Ourense, para coñecer a tenda que fora distinguida no seu momento como unha das seis propostas máis innovadoras do mundo, e ver a exposición alí instalada titulada “A tenda de toda a vida”, que amosará obxectos históricos destes establecementos.