Arde Lvcvs, declarada Festa de Interese Turístico Nacional

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e a Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, deron a coñecer na Praza Maior, a carón da biga romana, que o Arde Lvcvs vén de ser declarado Festa de Interese Turístico Nacional polo Ministerio de Enerxía, Turismo e Axenda Dixital. Estes festexos de recreación histórica, que este ano se celebrarán os días 30 de xuño, 1 e 2 de xullo, e que a pasada edición reuniron a máis de 600.000 visitantes, xa foran declarados de interese turístico galego no ano 2011, acadando agora, xusto nos 5 anos despois de que se puidera solicitar esta distinción, o recoñecemento nacional. 

“Hoxe é un día importante, non só para o Concello, senón tamén para todos os veciños e veciñas, pola súa implicación con estes festexos"; asegurou a rexedora, quen remarcou a importante proxección que lle dará a Lugo esta nova distinción, “unha ventá aberta de Lugo"; pola cal agora o municipio ten dúas grandes festas que compartir cos españois, o Arde Lucus e o San Froilán. 

Pola súa banda, Carmen Basadre, visiblemente emocionada por esta declaración que recoñece o importante labor realizado dende que fai 16 anos se celebra esta festa, da que ela mesma foi impulsora, quixo agradecer “o gran traballo realizado por parte dos traballadores e traballadoras do Concello, de todos os voluntarios e voluntarias, dos medios de comunicación e, sobre todo, o labor que realizan todas as asociacións de recreacións histórica do municipio e a cidadanía en xeral, que se involucran ano tras ano no Arde Lvcvs”.

A distinción, que se converte nunha oportunidade única e moi beneficiosa para a cidade, multiplica as potencialidades de Lugo e entronca coa decidida aposta do Goberno municipal polo turismo cultural.