Apoquine de Turismo de Galicia á Catedral de Santiago

Turismo de Galicia achegará 300.000 euros á Catedral de Santiago para a mellora da atención aos peregrinos e visitantes como se plasma no renovado convenio autorizado polo Consello da Xunta. O acordo inclúe diversas iniciativas relacionadas co Centro Internacional de Acollida aos Peregrinos de Santiago de Compostela, como o reforzo do seu material e persoal para unha maior atención e información aos peregrinos, ou a cesión dun local nas súas instalacións para a utilización de Renfe.

Así mesmo, Turismo de Galicia comprométese a colaborar, a través deste acordo, en actividades que promova a Catedral de Santiago relacionadas coas rutas xacobeas, como o Congreso de Acollida Cristiá, así como a edición de revistas ou publicacións.

No pasado ano 2016 un total de 278.232 peregrinos recolleron a súa Compostela na Oficina do Peregrino de Santiago de Compostela, o que supuxo un máximo histórico ao superar a cifra acadada no último ano Santo, o Xacobeo 2010.

Pola súa parte, neste ano 2017 chegaron xa máis de 5.000 peregrinos á meta da Ruta Xacobea dos cales máis do 58% son estranxeiros. 

Con todo, o Camiño de Santiago converteuse no principal elemento captador de turismo internacional para Galicia, o seu sinal de identidade e a súa carta de presentación a nivel mundial.

Deste xeito, resulta fundamental ofrecer unha atención de calidade a todos estes peregrinos que cada ano visitan Galicia a través dalgunha das rutas xacobeas.