Buscar/Hemeroteca

viernes, 10 de marzo de 2017

A IXP Ribeiras do Morrazo acada a protección nacional transitoria

O Diario Oficial de Galicia (DOG) acaba de publicar a orde pola que se concede a protección nacional transitoria á Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Ribeiras do Morrazo. Isto significa que na campaña deste ano as adegas dos oito concellos amparados baixo esta IXP e interesadas en producir e comercializar os seus viños baixo este selo de calidade xa poderán facelo.

En concreto, os viños da IXP Ribeiras do Morrazo procederán exclusivamente dos viñedos da zona de produción e elaboración constituída polos terreos aptos para a produción de uva por debaixo dos 300 m de altitude dos concellos de Bueu, Cangas, Marín, Moaña, Poio, Pontevedra, Redondela e Vilaboa e deben estar inscritos no rexistro vitícola.

Respecto ás súas características analíticas, son viños secos cunha graduación alcohólica mínima de 11,5% Vol. no caso dos brancos e 10% nos tintos. As uvas son das variedades brancas albariño, caíño branco, godello, loureira, treixadura, branco lexítimo e torrontés e das tintas brancellao, caíño tinto, pedral, espadeiro, loureiro tinto, mencía e sousón. Trátase de viños frescos e suaves en boca, limpos, brillantes con aromas francos nos que se aprecian as características propias da materia prima da que proceden, con aromas florais e de froitas e, finalmente, con boa e equilibrada acedume. Os viños brancos terán potente intensidade aromática e os viños tintos ben cubertos en fase visual.


No hay comentarios: