A frota do cerco galego facturou 36 millóns de euros en 2016

A frota do cerco galego incrementou as súas descargas nun 51% dende o ano 2013, pasando de 34.000 toneladas a 52.000 toneladas no ano 2016. Neste período tamén aumentou a facturación nun 15%, acadando os 36 millóns de euros no 2016, fronte aos 31 millóns de euros de 2013. Así om espuxo a conselleira do Mar, Rosa Quintana, na clausura clausura da I Xornada sobre A incidencia do reparto de cotas no sector do cerco, organizada pola Asociación de Armadores de Cerco de Galicia (ACERGA) e celebrada en A Coruña
A titular de Mar destacou o esforzo realizado pola frota do cerco e polas demais frotas no desenvolvemento da súa actividade e a importancia do traballo conxunto para incrementar as posibilidades de pesca. Neste sentido subliñou que “a mellora das posibilidades de pesca para todas as frotas en conxunto é un dos eixos fundamentais da administración galega nesta lexislatura”. 

Rosa Quintana destacou que a continuidade no traballo que se ven desenvolvendo e o diálogo permanente co sector deu como resultado que dende 2012 as posibilidades de pesca globais de España se incrementaron en case 100.000 toneladas e o seu valor en máis dun 100%. 

A consedlleira explicou que o aumento das cotas de pesca “radica na necesidade de variar o reparto de cotas establecido mediante o mal chamado principio de estabilidade relativa”, que entra en contradicións coa aplicación da Política Común de Pesca (PCP), dixo. 

Para iso é clave, incidiu, “contar con sólidos argumentos técnicos, socioeconómicos e ambientais e cunha estratexia xurídica firme que permita centrar a acción legal nun obxectivo claro e factible de conseguir”. Neste sentido, puxo como exemplos de incoherencia co principio de estabilidade relativa, a premisa de descartes cero que establece a PCP e a ineficiencia dalgúns Estados membros no uso das cotas asignadas.