A EVEGa impulsa un encontro de viticultura de Galicia e Norte de Portugal

A Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega), adscrita á Consellería do Medio Rural, organizará no mes de xuño o I Encontro de Viticultura Galicia-Norte de Portugal. Este foro servirá para avanzar na estratexia de traballo conxunto entre ambos territorios, co fin de dar resposta aos novos retos e necesidades aos que se enfronta a viticultura da Eurorrexión. 

A celebración deste evento anunciouna o director da Evega, Juan Casares, no contexto da visita a este centro dunha delegación portuguesa formada por por Nuno Brito, director da Comissão de Viticultura da Região dos Vinhos Verdes, e de João Garrido, director da Estação Vitivinícola “Amândio Galhano” (Evag). 

Os representantes das tres entidades mantiveron unha reunión de traballo na que se acordou establecer un mecanismo de intercambio de información sobre as actividades formativas de cada centro, a organización de accións conxuntas no marco da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal e mesmo a colaboración entre os laboratorios de ambas as dúas entidades para a posta a punto de distintas técnicas analíticas.

O máximo responsable da Evega explicou aos representantes lusos que a xuntanza prevista para xuño servirá, ademais, para divulgar entre o sector vitivinícola as capacidades tanto investigadora coma de innovación con que conta a eurorrexión. Constituirá, segundo Juan Casares, un marco axeitado para que os equipos científicos galegos e do norte de Portugal estreiten lazos e propoñan traballos en conxunto.

A colaboración da Evega con entidades do norte de Portugal non é nova, xa que desde o ano 2015 está a traballar, xunto á Universidade de Santiago de Compostela, coa Universidade Trás-os-Montes e Alto Douro (Utad) nun estudo sobre o establecemento das relacións existentes entre as variedades galegas e as portuguesas, a partir dos bancos de xermoplasma (coleccións de variedades) dispoñibles. 

Ambas as dúas coleccións acubillan un número importante de castes de cultivo tradicional en Galicia e no Norte de Portugal, respectivamente. Estes estudos permitirán identificar aquelas variedades comúns, así como as posibles relacións de parentesco entre este material xenético.