A Deputación de Pontevedra pon en marcha un ambicioso plan de promoción turística

A Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañada do deputado delegado de Turismo, Santos Héctor Rodríguez, e de representantes de concellos, do sector turístico e de todos aqueles axentes protagonistas e implicados na campaña, dará a coñecer este martes, ás 10.15 horas no Palacete das Mendoza, sede de Turismo Rías Baixas, a novidosa imaxe da campaña, eixos e actuacións promocionais do destino Rías Baixas para o ano 2017.

A Deputación de Pontevedra con esta ambiciosa campaña pretende dar un salto creativo e de contido na aposta de promoción da provincia de Pontevedra. Este salto creativo poderase ver na propia imaxe da campaña, innovadora e única, ata agora nunca realizada e vertebrada ó redor dun elemento entrañable, que se desvelará mañá, con grande capacidade significativa.

Amais, a creatividade tamén será protagonista dos eixos da campaña e das actuacións promocionais que se levarán a cabo ó longo do ano 2017. Tanto os eixos temáticos da campaña como as actuacións de promoción do destino Rías Baixas no exterior, que se desvelarán este martes con datas concretas, suporán un antes e un despois para a provincia de Pontevedra, apostando por elementos actuais, renovados e diferentes que permitirán dar a coñecer unha imaxe rompedora das Rías Baixas.