A Deputación de Lugo celebra unha mesa de traballo sobre o sector turístico

No marco da preparación do Plan Estratéxico de Turismo, o Deputado de Turismo, Eduardo Vidal Baamonde, participou Burela, xunto cos representantes de 35 colectivos da Mariña, nunha mesa de traballo sobre o sector turístico, organizada polo Goberno provincial, que cualificou de “moi participativa” e destacou a gran acollida que recibiu o encontro.

Interviñeron Alcaldes ou representantes de todos os Concellos desta Comarca, profesionais dos museos, das oficinas de turismo, dos clubs naúticos e das asociacións culturais e de empresarios, quenes tiveron a oportunidade de dar a coñecer as súas propostas a través da aplicación de tres dinámicas de grupo, unha centrada no conxunto da provincia e outras dúas dedicadas ao xeodestino Mariña Lucense. Entre os temas abordados, destacaron a necesidade de conseguir a colaboración conxunta das institucións públicas e privadas para impulsar o sector turístico e o grande potencial da Mariña Lucense, do que remarcaron recursos concretos como a Praia das Catedrais, a Catedral de Mondoñedo ou os produtos gastronómicos.

O xoves 9 de marzos terá lugar en Vilalba, o seguinte encontro, coa colaboración doutros 20 colectivos e de todos os Concellos incluídos no xeodestino da Terra Chá. As mesas de traballo sobre o sector turístico completaranse cos encontros de Lugo e Pedrafita do Cebreiro, os días 14 e 16 de marzo, respectivamente. E finalmente coa mesa de Monforte de Lemos, o día 21.

Estas iniciativas forman parte da preparación do Plan Estratéxico de Turismo da Deputación, un plan elaborado con metodoloxías participativas, que inclúe a celebración de 5 mesas de traballo coa participación de 200 entidades de toda a provincia. Ademais, contempla a realización de 20 entrevistas en profundidade con expertos e a distribución de enquisas en liña a 40 colectivos do sector turístico. O obxectivo de todas estas accións é recadar datos e propostas para incorporar ao plan.

Orzamento
O Plan Estratéxico, que está previsto que se presente en xuño, establecerá as liñas e as actuacións prioritarias en materia turística ata o 2020. O Executivo destinará un orzamento, nesta anualidade, de 400.000 euros para executar as primeiras accións. A maiores, na proposta de orzamento presentada hoxe polo Presidente inclúense outras partidas, sumando 1 millón de euros para o impulso do turismo na provincia.