70.000 euros para a promoción de Cambados como Cidade Europea do Viño

O protocolo co Concello de Cambados no que se inclúen as actividades que a institución provincial vai desenvolver na vila con motivo da celebración da "Cidade Europea do Viño" foi presentado pola Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, que cifrou en preto de 70.000 euros a aportación económica da Deputación a todos estes actos e volveu a reclamar a implicación da Xunta de Galicia e do Ministerio de Medio Ambiente e Agricultura na celebración.

As actuacións ao longo de todo o ano na vila arousana vinculadas ao deporte, culturais, turísticas e de igualdade recollénse no citado protocolo, que foi firmado entre Silva e a alcaldesa de Cambados, Fátima Abal, nun acto no que estiveron presentes o deputado provincial de Turismo, Santos Héctor, o tenente de alcalde, Víctor Caamaño e o concelleiro, José Ramón Abal.

En materia de Igualdade as actividades estarán organizadas pola Escola María Vinyals, no Castelo de Soutomaior, onde terá lugar unha xornada de conferencias e actividades na que se lle dará difusión ao papel da muller no sector vitivinícola. En concreto se celebrará unha mesa técnica na que se abordará con perspectiva de xénero o papel da muller no proceso produtivo do viño; haberá outra mesa redonda con produtoras e representantes das 4 denominacións de orixe galegas (Rías Baixas, Ribeira Sacra, Valdeorras e Ribeiro), e tamén unha visita a unha adega da zona ademais dun acto no que participarán sumillers, mulleres enólogas e xestoras de adegas.