300.000 euros para mellorar o acceso peonil á fervenza do Ézaro

A Deputación da Coruña financiará dun proxecto para mellorar o acceso peonil á fervenza do río Xallas no Ézaro, no concello de Dumbría, cunha inversión de 299.560 euros, que pretenden por en valor este enclave natural, un dos grandes atractivos turísticos da Costa da Morte.

Entre as accións previstas están a mellora do acceso a persoas con mobilidade reducida, e un acceso á zona máis próxima á desembocadura do río Xallas por un camiño totalmente independente, de uso exclusivo para os peóns, e separado da zona industrial, que se reservará para os vehículos.

Unha estrutura metálica que evocará á espiña dun peixe, recuberta por unha "pel" de taboleiros de madeira de estética natura, suspendida sobre o mar, conformará o novo sendeiro. Esta pasarela terá un aspecto moi lixeiro, e acompañará de forma natural ao percorrido ofrecendo unha vista panorámica da fervenza. Contará ademais con diversas iluminacións, que tamén permitirán un mellor acceso á pasarela durante a noite.