Valdeorras presentará a añada 2016 en Santiago nun acto conducido por Javier Veiga

Aposta pola formación e intensificación das accións de promoción dos viños da zona foron os eixos que marcaron os contidos do Pleno Extraordinario que o Consello Regulador da D.O. Valdeorras celebrou en Vilamartín. Como acción inminente máis salientable, destaca a presentación da añada 2016, que se celebrará no marco dun acto público en Compostela o vindeiro 6 de marzo, conducido polo actor Javier Veiga. Neste acto, agárdase reunir a destacados representantes do eido institucional, económico-empresarial, social e político de Galicia.

Xunto a isto, outra das accións que foi sometida hoxe a consideración do Pleno foi a posible participación dos viños da zona na prestixiosa feira Hong Kong International Wine. Se finalmente se concreta a participación neste foro, trataríase da primeira ocasión na que os brancos e tintos de Valdeorras se exhiban neste foro. Esta acción promocional sumariase á presenza xa confirmada dos viños valdeorreses nas edicións deste ano de Prowein (Alemaña), London Wine (Reino Unido) e Fenavín (España).

En paralelo, outra das accións que se están a desenvolver desde o Consello Regulador é a elaboración dunha guía de bodegas e viños da zona, que servirá como ferramenta divulgativa do potencial vinícola do territorio amparado. Adicionalmente, traballarase na actualización dos videos corporativos das bodegas que conforman a D.O.

E, na liña de optimizar a comunicación coas bodegas integrantes da denominación, o Consello Regulador valorou hoxe a implantación dun sistema informático, tipo intranet, para facilitar o intercambio de información e documentos. “Axilizar a xestión e os trámites habituais do organismo e favorecer que a información flúa en ambos os sentidos dun xeito rápido e eficaz”, sería –en palabras do presidente do organismo- o obxectivo deste sistema informático.